Nova
31/01/2024
Institucionais

Os Bonos Deporte descargados polas familias galegas xa superan os 111.000 en menos dun mes dende o inicio da campaña

A partir do vindeiro venres 2 de febreiro abrirase un novo prazo para a adhesión de novos establecementos, incluídas as ópticas

Ourense, 31 de xaneiro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o establecemento ourensán Intersport Bouso para supervisar o funcionamento do Bono Deporte. No momento actual e con menos dun mes dende o inicio da campaña -o pasado 8 de febreiro-, máis de 111.000 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos federados ou inscritos no Xogade xa teñen descargado o seu Bono Deporte. En total, entre todas as operacións realizadas, realizouse un gasto de 7,6 millóns de euros entre os 703 establecementos adheridos -456 comercios e 246 clubs-.

Tras a visita do secretario xeral ao Club Salesianos de Vigo o pasado 18 de xaneiro como un dos clubs máis activos no Bono Deporte, hoxe acudiu a Intersport Bouso que é un dos comercios galegos con maior número de operacións co Bono Deporte (preto de 3.500) que supoñen un gasto total de preto de 300.000 euros.

O Bono Deporte ten por finalidade axudar ás familias nos gastos derivados da práctica deportiva dos nenos en nenas de 6 a 16 anos federados ou do programa Xogade. Cada neno ou nena recibe 120 euros para a adquisición de material e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas, tratándose dun desconto do 80% nos gastos ata chegar a eses 120 euros para cada caso.

Cómpre salientar que, debido ao bo funcionamento da campaña e a demanda de novos comercios, abrirase un novo prazo de adhesión de 15 días para establecementos a partir do día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia que será este venres 2 de febreiro. Ademais, neste novo prazo tamén poderán anotarse como establecementos adheridos as ópticas para que os usuarios poidan mercar lentes e anteollos deportivos.