Nova
08/02/2020
Institucionais

Os clubs e federacións da provincia de Ourense recibiron máis de 160.000 euros ao abeiro das axudas para a adquisición de equipamentos deportivos que no ano 2019 medraron nun 500%

En total, foron 16 clubs deportivos e tres federacións da provincia ourensá as entidades beneficiadas por esta liña de axudas en 2019

Ourense, 8 de febreiro de 2020.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar o equipamento deportivo recibido polas entidades e federacións deportivas da provincia de Ourense ao abeiro da resolución da Xunta de Galicia para a adquisición deste material.

En total, foron 16 clubs deportivos e tres federacións da provincia ourensá as entidades beneficiadas por esta liña de axudas, sumando material por valor de preto de 160.000 euros. O orzamento total, que en 2019 experimentou un incremento do 500%, foi de 2.516.491,28 euros nas dúas convocatorias ás que se acolleron 37 federacións deportivas galegas (582.291,28 euros) e 195 entidades (1.933.570,70 euros). Cómpre sinalar ademais que desde o ano 2019, o cofinanciamento pasa do 50% entre a Secretaría Xeral e entidade, a un 80% e 20%.

Os 16 clubs ourensáns beneficiados en 2019 foron o Club Ximnasia Pavillón Ourense (trampolín), o Club Ciclista Maceda (rodillos e remolque), o Club Fluvial O Barco (embarcacións), o Club ADAS (pértegas, martelos, discos, vallas, xavelinas e pesos), Club Polideportivo Athlos (cadeira de rodas), Club Voleibol San Martiño (máquina de lanza-balóns de voleibol, postes e rede, furgoneta, remolque e caixa de primeiros auxilios), Club Ourense Atletismo (pértegas, xavelinas, discos, pesos, martelos e valos), Asociación de Escaladores Ourensáns (cordas, descensores, mosquetóns, arneses, material de ximnasio, sistema de cronometraxe e desfibrilador), Club Halterofilia Pabellón (barras e discos), Club Natación Sincronizada Ourense (equipo de son subacuático), Asociación Deportiva Limiactiva (pértega e colchoneta), Atletismo Rúa (xavelinas, pesos, martelos, valos, discos e caixa de primeiros auxilios), Club Esquí (boias de esquí náutico, remolque e sistema de cronometraxe), Escudería Ourense (furgoneta), Centro Deportivo Couto AD (furgoneta) e Club Turbo Box (tatami).

Pola súa banda, as tres federacións deportivas ourensás beneficiadas en 2019 foron a Federación Galega de Ximnasia (tatami ou tapiz), a Federación Galega de Kickboxing (tatami ou tapiz) e a Federación Galega de Automobilismo (sistema de cronometraxe).

Solicitudes ata o 24 de febreiro

Ademais, o pasado 22 de xaneiro o Diario Oficial de Galicia publicaba á resolución da Secretaría Xeral para o Deporte para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos para o ano 2020. O prazo para presentar solicitudes remata o vindeiro 24 de febreiro.

Cómpre salientar que o orzamento total da mesma será duns 700.000 euros, o que representa un incremento do 16% con respecto ao orzamento inicial destinado en 2019 e que a relación de equipamentos deportivos subvencionables non será limitativa podéndose ampliar a lista de material inventariable sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolta. Ademais, os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas poderán recibir o pagamento do 100% da subvención concedida de xeito anticipado.

As entidades beneficiarias deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia á data da publicación da convocatoria anual de subvencións e ter actualizados os seus estatutos ás disposicións vixentes en materia deportiva. Cómpre salientar que terán prioridade no acceso á subvención as solicitantes que non resultasen beneficiarias durante o exercicio de 2019.

O financiamento outorgado polo Goberno galego será do 80% do gasto subvencionable establecéndose como importe mínimo unha contía de 1.000 euros e máximo de 20.000 por sociedade anónima deportiva e 30.000 por federación. Precisamente, para as federacións deportivas resérvase o 30% do orzamento total da convocatoria.

A adquisición do equipamento deportivo por parte das entidades solicitantes dependerá da puntuación acadada segundo a aplicación dos criterios establecidos. Entre eles cabe destacar o apoio á igualdade de xénero que será valorado en función da porcentaxe de deportistas femininas con licenza federativa.