Nova
25/03/2021
Institucionais

Os equipos de Lugo adquiriron en 2020 equipamento por valor de 80.000 euros grazas a orde da Xunta que este ano mantén o seu orzamento (700.000 euros)

  • O secretario xeral para o Deporte e o delegado de Lugo mantiveron un encontro cos equipos da provincia beneficiados

Lugo, 25 de marzo de 2021-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, recibiron aos representantes dos equipos de Lugo beneficiados a través da orde de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos de 2020 que contou cun orzamento total de 700.000 euros para un total de 29 clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas, ademais de 10 federacións deportivas. Cómpre salientar que, para o exercicio 2021, esta partida mantivo o seu importe a pesar do actual escenario de pandemia que provoca que parte da actividade deportiva autonómica federada non se está a realizar. Os importes das subvencións son o 80% do investimento subvencionable mentres que a porcentaxe restante é achegada pola entidade beneficiaria.

Ao acto celebrado nas inmediacións do edificio administrativo da Xunta en Lugo asistiron os representantes do Club Arenal Emevé de voleibol, que adquiriu unha furgoneta valorada en preto de 24.500 euros; o Durán Maquinaria Ensino de baloncesto, que se fixo cunha furgoneta, marcadores multideporte, módulos de posesión portátiles e unha caixa de primeiros auxilios por un importe total de más de 31.500 euros; e o Club Judo Lugo, que ao abeiro da convocatoria acadou outra furgoneta, tatamis e unha caixa de primeiros auxilios, cun importe global de máis de 19.000 euros.

Ademais, o Club Deportivo Ritmolugodance tamén foi un dos catro equipos lucenses beneficiados coa orde de 2020 e grazas á que adquiriu trampolín, colchonetas, calefación portátil e un desfibrilador por uns 5.000 euros.

O material subvencionado pola Xunta de Galicia para os equipos de Lugo no ano 2020 acadou en total os 80.000 euros.

Orde de axudas 2021

Os beneficiarios destas axudas para a adquisición de equipamentos deportivos son os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas. Só resultará susceptible de ser subvencionada a adquisición de equipamento deportivo inventariable (entendendo por tal o ben moble non funxible, é dicir, aquel de que se pode facer uso sen que se consuma polo uso normal para o cal está destinado), para ser destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos. Ademais destes equipamentos específicos por modalidades deportivas (32 caregorías) e dos equipamentos non específicos, no caso do material sanitario recóllese por vez primeira equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).

A subvención será do 80 % do gasto subvencionable, sendo a porcentaxe restante achega da entidade beneficiaria, ata esgotar o crédito dispoñible atendendo á orde de prelación das persoas beneficiarias. Establécese como gasto mínimo subvencionable unha contía de 1.000 euros, dos cales a entidade beneficiaria deberá achegar 200 euros. Cómpre salientar tamén que se reserva un 30% do orzamento total de cada convocatoria anual de subvención ás federacións deportivas galegas. Non obstante, o importe total da axuda que se concederá non poderá superar a cantidade máxima de 5.000 euros por club e por sociedade anónima deportiva, nin os 10.000 euros por federación deportiva.