Nova
02/05/2022
Institucionais

Outes verá mellorado o seu club de piragüismo cun investimento de preto de 45.000 euros cofinanciado por parte da Xunta

O acondicionamento do club e o subministro de embarcacións responden a dous convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello nos que a Xunta achega o 80% do total. 

Outes (A Coruña), 30 de abril de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo alcalde Manuel González, visitou a Escola de Piragüismo Outes situada no estuario do río Tambre e no que a Xunta levará  cabo dúas intervencións grazas aos convenios asinados co Concello de Outes. En total, o club deportivo verá melloradas as súas instalacións grazas a un investimento total de preto de 45.000 euros, do que o Goberno galego achegará o 80% e o concello o 20%.

En primeiro lugar realizarase o acondicionamento do club mediante unha actuación encamiñada a aumentar o espazo de almacenaxe para o equipamento deportivo empregado, reubicando os vestiarios na planta baixa, e crear un espazo diáfano na planta superior de cara ó seu mellor aproveitamento. Esta actuación terá un importe total de 24.128,17 euros, sendo achegado pola Xunta o 80% (19.302,54 euros) e polo concello o restante 20% (4.825,63 euros).

Pola outra banda, Xunta e Concello colaborarán no subministro de embarcacións lixeiras para deportes náuticos para a escola de piragüismo de Outes, que na actualidade xa conta con 27 nenos e nenas inscritos. O importe total da actuación será de 20.025,50 euros, achegando de novo a Xunta o 80% (16.025,50 euros)  e o concello o restante 20% (4.000 euros).

O mandatario galego destacou a importancia das dúas actuacións para "mellorar unha instalación fantástica a pé de auga" e que representan o "pulo decidido da administración" polo deporte en xeral e polos deportes náuticos en particular.

Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.