Nova
19/12/2016
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte asegura que “o ciclismo galego ten en nómina moitos nomes que achegarán grandes éxitos á nosa terra” na súa visita á pista BTT de Maceda

Ao abeiro do convenio que permitiu a construción deste circuíto na antiga nave hípica de Maceda que foi referendado o pasado 16 de setembro polo anterior secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e mais o alcalde do Concello de Maceda, Rubén Quintáns, a Secretaría Xeral para o Deporte financiou integramente esta actuación cunha achega de 60.453,49 euros

Maceda (Ourense), 19 de decembro de 2016.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, supervisou na tarde de hoxe a finalización das obras do pump track indoor construído na antiga nave de hípica Os Secos. Alí asegurou que o ciclismo, e máis especificamente o ciclismo de montaña, “é para Maceda máis que un deporte” xa que os  éxitos colleitados polo Club Ciclista macedán elevan a esta disciplina “á categoría de cultura e tradición”. Deste xeito, Marta Míguez nomeou a dous dos ciclistas máis importantes que saíron desta canteira ourensá como Pablo Rodríguez Guede ou Ivan Feijoo, pero advertiu que “o ciclismo galego en xeral ten en nómina moitos outros nomes que de seguro achegarán grandes éxitos á nosa terra”.
Nas súas verbas, a responsable autonómica do deporte galego apuntou que “para que Galicia conte cos mellores deportistas, ten que estar provista das mellores instalacións”. Nesta liña falou do convenio que permitiu a construción deste circuíto na antiga nave hípica de Maceda que foi referendado o pasado 16 de setembro polo anterior secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e mais o alcalde do Concello de Maceda, Rubén Quintáns. A Secretaría Xeral para o Deporte financiou integramente esta actuación cunha achega de 60.453,49 euros.
“Hoxe, 19 de decembro podemos comprobar in situ o excelente estado da pista de BTT”, sinalou Marta Míguez e continuou dicindo que “grazas a esta actuación os deportistas de Maceda poden adestrar nunha instalación de primeira calidade para seguir medrando ao carón dun deporte que tan importante é para esta vila e que xa ten achegado a Galicia grandes campións”.
Marta Míguez concluíu asegurando que “desde a Secretaría Xeral para o Deporte continuaremos apoiando o traballo de entidades e deportistas e mellorando as infraestruturas de Galicia desde o deporte base ata o dos nosos veteranos”.