Nova
25/01/2019
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte e a Asociación del Deporte Español asinan un acordo pioneiro para a captación de grandes eventos deportivos internacionais

José Ramón Lete Lasa asegura que grazas á sinatura deste acordo, Galicia “dá un paso máis no seu crecemento e benestar porque é un acordo que levará moita riqueza á nosa terra”

Madrid, 24 de xaneiro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou na segunda xornada da Feira Internacional de Turismo de Madrid FITUR, un acordo de colaboración coa Asociación del Deporte Español (ADESP), representada polo seu presidente, José Hidalgo, para o fomento do deporte e o turismo deportivo en Galicia a través da Oficina de Desarrollo Internacional del Deporte Español, recollida baixo a marca ‘Spain Sports Global’ que ten como eixo principal de actuación a captación de eventos deportivos internacionais con gran capacidade de promoción deportiva e turística. No acto de sinatura tamén interviu a directora de Spain Sports Global, Mercedes Coghen.

Na súa intervención o secretario xeral para o Deporte destacou a importancia deste acordo para o turismo deportivo de Galicia da que salientou a súa “incomparable beleza, gastronomía e a calidade hospitalaria dos galegos e das galegas”. Neste sentido lembrou que Santiago de Compostela é “a meta dos camiños que vertebraron Europa”. “Camiños espirituais, relixiosos, culturais, turísticos e tamén deportivos”, dixo.

No seu relatorio Lete Lasa fixo un percorrido polos grandes eventos deportivos que acolleu Galicia como a Copa do Mundo de Fútbol de 1982 en Vigo e A Coruña, o Mundobasket de Ferrol en 1986 ou a Volta ao Mundo Volvo Ocean Race que saíu desde Vigo no ano 2005. Xa máis recentemente, destacou grandes eventos celebrados en 2018 como o Europeo de hóckey patíns masculino (A Coruña), o Europeo de J70 (Vigo) ou o Mundial Cadete de Ajedrez (Santiago) e adiantou algúns dos grandes acontecementos deportivos que terán lugar neste ano 2019 como o Europeo Júnior de Loitas Olímpicas (Pontevedra), o Mundial Júnior de Balonmán (Vigo y Pontevedra) e sobre todo os Campionatos do Mundo de Multideporte -dúatlon, acuatlón, aquabike e tríatlon de longa distancia e cross- (Pontevedra).

Como conclusión, o máximo responsable do Deporte galego salientou que grazas á sinatura de este acordo, Galicia “dá un paso máis no seu crecemento e benestar porque é un acordo que levará moita riqueza á nosa terra”.

Posicionamento de Galicia como destino de turismo deportivo

Segundo o acordo asinado hoxe, levaranse a cabo accións que melloren o deporte galego en xeral e o posicionamento de Galicia como destino da práctica deportiva e do turismo asociado ao deporte en particular. Ademais, a tenor do acordo asinado este mediodía en IFEMA, procurarase a mellora do nivel deportivo de Galicia por medio da captación de expertos internacionais nos ámbitos de adestramento e a xestión deportiva, así como tamén a través da internacionalización de deportistas, adestradores, árbitros e directivos do deporte de Galicia.

Dentro dos compromisos que se cumprirán segundo o acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e ADESP, destacan a mellora do posicionamento de Galicia como destino de turismo deportivo, facilitar a relación entre as federacións deportivas galegas e as españolas ca fin de organizar eventos deportivos internacionais en Galicia, favorecer a participación de deportistas, adestradores, xuíces e directivos das entidades deportivas de Galicia en accións de adestramento e competición noutros países, procurar a chegada a Galicia de delegacións internacionais conformadas por membros de alto nivel así como deseñar e organizar un foro de promoción do turismo deportivo en Galicia que serva de punto de encontro profesional entre os sectores deportivo e turístico.

Campionato de Europa 2020 e do Mundo 2021 de vela clásica 6m

Instantes antes do comezo do acto de sinatura entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Asociación do Deporte Español, o secretario xeral para o Deporte tamén presentou o Campionato de Europa 2020 e do Mundo 2021 de vela clásica 6 metros que se celebrarán en Sanxenxo. Nesta presentación tamén participaron a directora de Turismo, Nava Castro, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e o representante do Real Club Náutico de Sanxenxo, César Elizaga.

Nas súas verbas, o titular da carteira autonómica de Deporte, subliñou a Galicia por ser unha “terra excepcional con paraísos impresionantes como as Rías Baixas”. Ademais destacou aos deportistas galegos e galegas de “enorme magnitude”, nomeadamente na vela, entre os que se atopan campións olímpicos e do Mundo. Por iso, dixo, Galicia debe contar tamén cos mellores eventos deportivos e convidou a todos os asistentes a “desfrutar de Galicia e da vela