Nova
09/06/2021
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Valga asinan o convenio para as obras do Pavillón de Beiro por importe de 80.000 euros

Dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021, 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020

Valga (Pontevedra), 9 de xuño de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o Concello de Valga para asinar, xunto ao seu alcalde, José María Bello Maneiro, o convenio de colaboración para acometer as obras de pintado de estrutura metálica no pavillón de Beiro, unha instalación municipal referente en canto a volume de utilización por parte da veciñanza.

A intervención terá un orzamento total de preto de 80.000 euros (79.525,68 euros) que serán financiados pola Secretaría Xeral para o Deporte nunha porcentaxe próxima ao 82% (65.000,08 euros) e polo concello no restante 18% (14.525,60 euros).

O secretario xeral asegurou a importancia deste tipo de actuacións para a dinamización da actividade deportiva en concellos como o de Valga, que conta cunha poboación de preto de 6.000 persoas. Neste sentido, destacou que a Xunta leva anos realizando unha forte aposta por mellorar e renovar as instalacións deportivas galegas para que os cidadáns e cidadás galegos e galegas poidan practicar actividade física nas mellores condicións.

En total, dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.