Nova
18/02/2017
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte fala da importancia do automobilismo para Galicia e destaca o circuíto de Arteixo como a “catedral do autocross”

Informa que Galicia é a “primeira comunidade española con maior número de licencias (1.451) e clubs con actividade (56)

Arteixo (A Coruña), 18 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no serán de hoxe na gala anual da Peña Autocross de Arteixo que celebra a fin da tempada 2016. A titular da carteira de Deporte da Xunta, destacou ao autocross como “unha das disciplinas do automobilismo que conta con maior afección a nivel autonómico, nacional e internacional”. Nesta liña gabou o traballo do Autocross de Arteixo que levou ao circuíto José Ramón Losada a ser considerado “o máis importante de España, a catedral do autocross”.
Na súa intervención Marta Míguez sinalou que por Arteixo xa pasaron “os mellores pilotos nacionais e internacionais” que competiron nos 75 campionatos galegos, os 21 campionatos de España, os 4 máster internacionais ou as 10 carreiras de 4 horas de resistencia celebrados na localidade coruñesa.  
A máxima responsable do deporte a nivel autonómico falou da importancia do automobilismo para Galicia xa que é a “primeira comunidade española con maior número de licencias (1.451) e clubs con actividade (56)”.  “Ademais, na actualidade existen 13 deportistas de automobilismo recoñecidos como de alto nivel”, engadiu. Por feitos coma estes, a secretaria xeral para o Deporte lembrou que a Xunta asina convenios anuais coa federación galega de automobilismo e outorga axudas aos seus clubs.