Nova
10/01/2020
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte publica a convocatoria de subvencións para clubs deportivos que medra un 2% con respecto a 2018 ata chegar aos 1.960.000 euros

Como novidade cómpre salientar que dentro dos criterios a valorar puntuarase o desenvolvemento de actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista. Ademais, a adhesión ao manifesto pola igualdade pasará a ser obrigatoria

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

A convocatoria, que se tramita como anticipada de gasto para facilitar a actividade deportiva dos clubs galegos así como a súa xestión económica, terá un importe total de 1.960.000 euros, aumentando un 2,08% con respecto a 2018. O importe máximo por entidade beneficiaria será de 29.990 euros e o prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir do día seguinte á publicación da resolución.

Os gastos subvencionados corresponderán ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro do mesmo ano, debendo terse efectuado e pagado nese período. Serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial (licenzas, inscricións competicións, arbitraxes, adestradores, transporte e aloxamento a competicións, aluguer instalacións adestramento ou competicións, material non inventariable -balóns, roupa...-, produtos básicos de botiquín).

Como novidade cómpre salientar que dentro dos criterios a valorar puntuarase o desenvolvemento de actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista. Ademais, a adhesión ao manifesto pola igualdade pasará a ser obrigatoria.

Dentro das accións en prol da igualdade que se valorarán destaca a inclusión na equipación de xogo ou adestramento do logo en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista; o uso do logo ou o cartel contra a violencia machista e a prol da igualdade de xénero nas instalacións da entidade; o uso do logo ou o cartel contra a violencia machista e a prol da igualdade de xénero nos medios de comunicación da entidade (web, cartelería, redes sociais, outros similares); charla, conferencia, curso, xornada, ou similar dirixida aos distintos axentes do tecido deportivo galego -deportistas, árbitros, afeccionados, persoal técnico, pais e nais- no que se aborde a temática da igualdade e a violencia de xénero; campaña de promoción con medidas concretas orientadas ao incremento da participación feminina no ámbito do deporte; ou actuacións encamiñadas a favorecer ou mellorar as condicións laborais ou de profesionalización das mulleres que forman parte da entidade en calquera das súas áreas ou departamentos.