Nova
03/11/2020
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte recoñece aos primeiros deportistas galegos de alto nivel ao abeiro do novo decreto en vigor dende hai quince días

  • En total, os deportistas galegos de alto nivel en Galicia son, na actualidade, 500 (196 mulleres e 304 homes). Entre eles cómpre destacar a 17 deportistas con discapacidade (5 mulleres e 12 homes)

Santiago, 3 de novembro de 2020.- A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución do 23 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos/as como deportistas de alto nivel de Galicia. Estes cinco deportistas -Tamara Abalde (baloncesto), Julia Benedetti (patrinaxe), Tirso Cerqueira (vela), Sara Iglesias (salvamento e socorrismo) e Sara Viéitez (loita)- son os primeiros recoñecidos ao abeiro do novo decreto polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base en Galicia.

Cómpre lembrar que o novo decreto DGAN entrou en vigor o pasado 19 de outubro -20 días despois da súa publicación no DOG- e, dúas semanas despois, xa conta cos seus primeiros deportistas recoñecidos, o que fala da axilidade e da presteza deste novo marco para o deporte galego de alto nivel. De feito, cómpre lembrar que a nova norma simplifica os procedementos xa que o recoñecemento pódese solicitarse en calquera momento do ano. Ademais, o recoñecemento poderá ser vitalicio en determinados supostos e, entre outras novidades, prevé supostos de prórroga da condición por inactividade por lesión, supostos de embarazo, nacemento de fillo ou adopción.

Co novo decreto, Galicia dá un importante impulso á protección do sistema deportivo do país, convertendo a súa nova norma nunha das mais actuais e completas do Estado. O apoio e á atención integral aos axentes deportivos (incorporando técnicos-adestradores e xuíces-árbitros) refórzase neste novo sistema que avanza en recursos, en medidas e en destinatarios, atento ás distintas demandas do sector, como é, por exemplo, a fase da retirada competitiva.

En total, os deportistas galegos de alto nivel en Galicia son, na actualidade, 500 (196 mulleres e 304 homes). Entre eles cómpre destacar a 17 deportistas con discapacidade (5 mulleres e 12 homes).

Axudas DGAN 2020

Cómpre salientar no tocante ao alto nivel que, rematado o prazo de solicitudes da convocatoria de Axudas DGAN 2020 (cuxas bases foron publicadas o pasado 5 de outubro), foron presentadas un total de 373 solicitudes, das que serán admitidas ou contan con documentación a subsanar un total de 344.