Nova
20/03/2019
Institucionais

A Secretaría Xeral para o Deporte reúnese cunha vasta representación dos clubs de baile deportivo de Galicia para comenzar os trámites da creación da federación deportiva

O baile deportivo e de competición está recoñecido en Galicia como modalidade deportiva a través da Resolución do 15 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral para o Deporte, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

Santiago, 20 de marzo de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reuniuse no serán de hoxe cunha vasta representación do baile deportivo galego. No Rexistro de entidades deportivas de Galicia constan un total de 52 clubs que teñen como modalidade o baile deportivo: 21 na provincia da Coruña, 2 na provincia de Ourense, 6 na provincia de Lugo e 23 na provincia de Pontevedra.

O obxectivo da reunión, con motivo da posible incorporación do breakdance como programa olímpico nos Xogos de París 2024, foi o comenzo dos trámites para a creación da federación galega de baile deportivo, toda vez que o baile deportivo e de competición foi recoñecido como modalidade deportiva a través da Resolución do 15 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral para o Deporte, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo os requisitos contemplados no artigo 54 da Lei do Deporte de Galicia para a creación dunha federación deportiva ex novo débese cumprir a existencia dunha modalidade deportiva recoñecida, o interese xeral da actividade deportiva, a suficiente implantación en Galicia ou a viabilidade económica da nova federación.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, informou aos representantes dos clubs galegos que deben ser eles os que comecen o procedemento mediante a entrega da acta fundacional outorgada ante notario e subscrita por, polo menos, 30 clubs deportivos con domicilio social en Galicia, constituídos en xunta promotora e onde se xustifiquen os requisitos de constitución. Asemade, o titular do Deporte galego cominou aos clubs a comezar a traballar na elaboración do proxecto de estatutos que debe conter a denominación e domicilio, modalidades e especialidades, requisitos de adquisición ou perda da condición de federado e os dereitos, deberes e responsabilidades, a estrutura territorial, a composición, funcionamento e competencia dos órganos de goberno e representación da federación, así como tamén a composición, funcionamento, competencia e sistema de designación dos demais órganos e comités que poidan crearse no seu seo.

Os clubs representados na xuntanza foron os clubs da Coruña (Club de Baile Deportivo Narón, Club Arte e Movemento, Club Deportivo de Baile Danzaya, Agrupación Deportiva Hijas de Cristo Rey – Ferrol, Club Deportivo de Savate Tangente, CBD Son Swing, Club de Baile Zona Dance, Club CBD e As Pontes Baile), Lugo (Gold Dance, Star Dance, Club Baile Deportivo Vilalba e Ritmo Lugo Dance) e Pontevedra (Bailamos, Club Baile Deportivo Muévete A Cañiza, Club Baile Deportivo Pasos Baile Galicia e Club Baile Deportivo de competición Al Compás)