Nova
09/02/2017
Federativas

A secretaria xeral para o Deporte valora a Conferencia Interterritorial como unha “magnífica oportunidade para acadar o consenso deportivo entre todas as comunidades”

No transcurso da xuntanza presentáronse tamén os programas de interese que se están levando a cabo ou se realizarán nas vindeiras datas a estratexia de fomento da actividade física e loita contra o sedentarismo

Tarragona, 9 de febreiro de 2017.- A secretaria xeral para o Deporte,  Marta Míguez Telle, participou na xornada de hoxe na Conferencia Interterritorial para o Deporte convocada polo presidente do Consello Superior do Deporte, José Ramón Lete Lasa. Alí, a secretaria xeral tivo a oportunidade de debater cos responsables de deportes das demais comunidades moitos dos aspectos da xestión deportiva que concirnen a todas as rexións españolas. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico valorou este encontro como unha “magnífica oportunidade para acadar o consenso deportivo entre todas as comunidades e para mellorar a xestión deportiva tanto a nivel autonómico como nacional”.
Dentro dos puntos tratados na reunión que tivo lugar no Palacio de Congresos de Tarragona destacou o establecemento das prioridades en materia deportiva que se levarán a cabo a nivel lexislativo. Así tamén informouse do Real Decreto-Lei polo que se modifica a Lei Orgánica 3/2013, de 20 de xuño, de protección da saúde do deportista e a loita contra a dopaxe na actividade deportiva, que vén de ser aprobado pola Axencia Mundial Antidopaxe (WADA).
No transcurso da xuntanza presentáronse tamén os programas de interese que se están levando a cabo ou se realizarán nas vindeiras datas como os Xogos do Mediterráneo, o programa de Atención ao Deportista de Alto Nivel ou a estratexia de fomento da actividade física e loita contra o sedentarismo.
No terceiro bloque foi a quenda das Comunidades Autónomas que suxeriron diversos asuntos específicos. Neste punto tratouse a conmemoración do 25 aniversario dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92, a licenza deportiva única para toda España, a regulación das profesións do deporte así como o censo nacional de instalacións deportivas a proposta dos gobernos de Cataluña, Andalucía, Murcia e Baleares, respectivamente.
Por último estudáronse diferentes propostas de actuación inmediata no eido das subvencións, propostas para a insularidade ou o deporte escolar e universitario.