Un total de 16 persoas técnicas e nove xuízas galegas reciben as 25 primeiras axudas de alto nivel por un importe global de 45.500 euros
O importe da primeira convocatoria de axudas da historia para persoas técnicas/adestradoras e xuízas/árbitras aumentou nun 52% para beneficiar a 13 homes e 12 mulleres
Santiago, 9 de novembro de 2023.- A Secretaría Xeral para o Deporte, da man da Fundación Deporte Galego, vén de resolver a convocatoria de axudas a persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel 2023 -Axudas TAXAGAN 2023- que chega a un total de 25 persoas beneficiarias -16 persoas técnicas/adestradoras e nove persoas xuízas/árbitras- cun total de 45.500 euros, o que representa un incremento do 52% do seu orzamento inicial que era de 30.000 euros. Cómpre salientar a igualdade de xénero nas axudas concedidas xa que o 52% (13) foron para homes e o 48% (12) para mulleres.
A Xunta de Galicia publicou o novo decreto de alto nivel en setembro de 2020 que recoñece as categorías de alto nivel, alto rendemento deportivo e rendemento deportivo de base en Galicia. Do mesmo recoñeceu por vez primeira as categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel. Agora, estas novas figuras do deporte galego de alto nivel reciben as súas primeiras axudas. En total foron 46 as persoas solicitantes das axudas TAXAGAN 2023, das que 29 foron incialmente admitidas, polo que a Xunta de Galicia concedeu o 54% das axudas solicitadas.
Entre as 16 axudas concedidas ás persoas técnicas e adestradoras (32.000 euros) destacan unha axuda por importe de 4.000 euros para Luis Piña (técnico de tríatlon) ou dúas de 3.000 euros para Daniel Costa (piragüismo) e José Ángel Torres (taekwondo); ademais tamén se concederon nove axudas de 2.000 euros para Cristina Cantero (baloncesto) ou Daniel Ángel Brage (piragüismo), entre outros; e outras catro de 1.0000 euros.
Por outra banda, no caso dos nove xuíces e adestradores (13.500 euros), concedéronse cinco axudas de 2.000 euros para María Dolores Rojas (atletismo), Manuel Franco (tenis), así como tamén a Lorena Novas, Mónica Flores e Zulema González (fútbol). Ademais, foron repartidas tres axudas de 3.000 euros e unha máis de 500 euros.
Por modalidades deportivas, 14 federacións foron beneficiadas con algunha axuda. Taekwondo conta con catro técnicos e un xuíz beneficiados para un total de 8.000 euros. Piragüismo ten catro técnicos con axudas cun total tamén de 8.000 euros. Tríatlon recibiu 6.000 euros para un técnico e un xuíz. Fútbol conta con tres xuízas cun importe global de 5.000 euros. No caso da distribución por provincias, os territorios máis beneficiados foron Pontevedra con 12 axudas e A Coruña con 11. Lugo e Ourense recibiron unha en cada caso.
Na actualidade Galicia conta con 981 deportistas galegos recoñecidos (378 mulleres e 603 homes). Dentro destes hai 22 técnicos/adeestradores de alto nivel (cinco mulleres e 17 homes), así como 13 árbitras/xuízas (nove mulleres e catro homes). Esta contía para as axudas das persoas técnicas, adestradoras, xuízas e árbitras súmase á resolución da convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel, Axudas DGAN 2023, que acadou o importe máis elevado da súa historia ao chegar preto dos 700.000 euros (680.940 euros) para 445 deportistas. Cómpre salientar que entre estas axudas tamén están as destinadas á preparación e participación dos deportistas que están a buscar a súa clasificación para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024.