Nova
22/11/2019
Institucionais

Un total de 37 federacións e 195 entidades vense beneficiadas pola convocatoria de equipamento deportivo para o ano 2019 que medra un 500% con respecto a 2018

En total, sumadas ambas as dúas convocatorias, a Secretaría Xeral para o Deporte beneficia ás federacións deportivas galegas con 582.291,28 euros e ás entidades con 1.933.570,70 euros, sumando un total de 2.516.491,28 euros

Santiago, 22 de novembro de 2019.- A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fan públicas as listaxes definitivas de subvencións a entidades deportivas pertencentes á segunda convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos. As entidades beneficiadas nesta segunda convocatoria súmanse a aquelas que xa recibiron axudas na primeira convocatoria, resolta o pasado 23 de setembro do presente ano.

En total, sumadas ambas as dúas convocatorias, a Secretaría Xeral para o Deporte beneficia a 37 federacións deportivas galegas (582.291,28 euros) e 195 entidades (1.933.570,70 euros) cun orzamento global de 2.516.491,28 euros. No ano 2018 consignáronse a este respecto un total de 420.595,97 euros (332.981,22 euros para entidades) e 87.614,75 euros para federacións deportivas, polo que o orzamento deste ano representa un incremento do 500%. Cómpre sinalar ademais que neste ano 2019, o cofinanciamento pasa do 50% entre a Secretaría Xeral e entidade, a un 80% e 20%.

As federacións deportivas galegas foron as federacións galegas de Vela, Ciclismo, Ximnasia, Atletismo, Taekwondo, Remo, Judo, Loita, Piragüismo, Tríatlon, Tiro Olímpico e Halterofilia ao abeiro da primeira convocatoria cun importe total de axudas de 270.244,91 euros.

Por outra banda, as federacións galegas de Salvamento e Socorrismo, Natación, Baloncesto, Caza, Balonmán, Hípica, Kickboxing, Motonáutica, Fútbol, Montañismo, Rugby, Esgrima, Tiro con Arco, Automobolismo, Bádminton, Golf, Motociclismo, Xadrez, Voleibol, Billar, Tenis de Mesa, Tenis, Bolos e Espeleoloxía recibiron un total de 312.676,37 euros ao abeiro da segunda convocatoria.

No que atinxe ás entidades deportivas, sumando as dúas entregas das subvencións para a adquisición de equipamento, 58 entidades da provincia da Coruña recibiron un total de 586.940,47 euros, 21 entidades de Lugo foron acredoras de 187.218,34 euros, 16 da provincia de Ourense ingresaron 108.513,14 euros e un cento de entidades deportivas con sede na provincia de Pontevedra fixéronse con 1.050.898,75 euros ata o total de 1.933.570,70 euros destinados a este aspecto.