Nova
19/09/2019
Institucionais

A Xunta confía en que a primeira edición do Camiño Race sexa todo un éxito que converta a Compostela na sede do Campionato do Mundo de carreiras de obstáculos en 2021

O Camiño Race encádrase dentro do programa ‘O teu Xacobeo’ e conta cunha achega de 23.000 euros da Xunta de Galicia entre o patrocinio do Xacobeo e o da Secretaría Xeral para o Deporte

Santiago, 19 de setembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe, xunto ao director da proba, Manuel Blanco e o deportista Damian Espasandín, a primeira edición de ‘O Camiño Race’, unha carreira de obstáculos (OCR) que agarda que preto dun milleiro de participantes completen o vindeiro sábado 19 de outubro o percorrido de oito quilómetros e máis de 30 obstáculos con saída e chegada na Cidade da Cultura e que transitará polo Bosque de Galicia.

Na presentación, Lete Lasa, falou das “enormes posibilidades que ten Galicia nesta disciplina deportiva” grazas a atletas como o propio Damián Espasandín, Paula Esteiro ou Carmen Cid, polo que amosou a súa vontade de “converter o Camiño Race na mellor carreira OCR de Europa e facer de Santiago de Compostela a sede do Campionato do Mundo desta modalidade, coincidindo co Xacobeo 2021”.

Nas súas verbas, o mandatario galego comparou as carreiras OCR co deporte en xeral e coa vida, “un camiño cheo de atrancos e dificultades que só se pode superar con esforzo e dedicación constante e que conta cunha doce recompensa para quen chega a meta”. “Unha descrición que tamén lle acae á perfección ao Camiño de Santiago, vieiro que transitan cada ano milleiros de peregrinos co obxectivo de chegar á Praza do Obradoiro”, engadiu.

O Camiño Race encádrase dentro do programa ‘O teu Xacobeo’ e conta cunha achega de 23.000 euros da Xunta de Galicia entre o patrocinio do Xacobeo e o da Secretaría Xeral para o Deporte. Este programa responde á maior convocatoria aberta da historia de Galicia con máis de 350 proxectos aprobados e un investimento de case 5 millóns de euros que “beneficiarán a cidadáns e entidades de toda a comunidade, tamén a través da práctica deportiva, impulsando un Ano Santo 2021 que será o mellor para Galicia”. “Desde a Xunta apostamos por cohesionar, por xerar comunidade e por fortalecer os lazos que unen a todos os galegos, e aos galegos co resto do mundo”, engadiu.