Nova
09/03/2019
Institucionais

A Xunta de Galicia transmite o seu pésame polo pasamento de Fernando Bouso, “excelente futbolista, adestrador e promotor do deporte galego”

Ourense, 9 de marzo de 2019-. A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en nome do seu titular, José Ramón Lete Lasa, lamenta o pasamento do ex xogador e adestrador de fútbol, nomeadamente no Club Deportivo Ourense, Fernando Bouso, e transmite o seu pésame á súa familia e achegados. Nas súas verbas, o secretario xeral definiu ao galego como un “excelente futbolista, adestrador e promotor do deporte galego”. Neste sentido lembrou a súa época á fronte da xerencia do Pavillón dos Remedios de Ourense nos anos 70 na que puxo en marcha os clubs Pavillón de natación, fútbol, atletismo, ximnasia, halterofilia e hóckey.

Como xogador de fútbol, Fernando Bouso militou nas filas do Atlético de Madrid (categorías inferiores), Murcia, San Fernando, Rayo Vallecano, Badajoz e Ourense. Xa como adestrador, na tempada 67-68 acadou un récord no Club Deportivo de Ourense que segue vixente a día de hoxe: 30 vitorias en 30 partidos.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte concedeulle no ano 2014 a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia.