Nova
05/02/2021
Institucionais

A Xunta mantén tamén o importe das axudas para a adquisición de equipamentos deportivos que no 2021 volverán a acadar os 700.000 euros

Este anuncio realízase unha semana despois da aprobación polo Consello da Xunta dos convenios de colaboración coas federacións galegas que tamén manteñen o seu importe de 2020 e o máis elevado da serie histórica desde 2011 sendo este de 4,4 millóns de euros

Santiago, 5 de febreiro de 2021.- O Diario Oficial de Galicia publica no seu número de hoxe a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. O crédito orzamentario destas axudas volverá acadar os 700.000 euros, como no caso do exercicio de 2020 e a pesar do actual escenario de pandemia que provoca que parte da actividade deportiva autonómica federada non se está a realizar. Este anuncio realízase unha semana despois da aprobación polo Consello da Xunta dos convenios de colaboración coas federacións galegas que tamén manteñen o seu importe de 2020 e o máis elevado da serie histórica desde 2011 sendo este de 4,4 millóns de euros.

Os beneficiarios destas axudas para a adquisición de equipamentos deportivos son os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas. Só resultará susceptible de ser subvencionada a adquisición de equipamento deportivo inventariable (entendendo por tal o ben moble non funxible, é dicir, aquel de que se pode facer uso sen que se consuma polo uso normal para o cal está destinado), para ser destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos. Ademais destes equipamentos específicos por modalidades deportivas (32 caregorías) e dos equipamentos non específicos, no caso do material sanitario recóllese por vez primeira equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).

A subvención será do 80 % do gasto subvencionable, sendo a porcentaxe restante achega da entidade beneficiaria, ata esgotar o crédito dispoñible atendendo á orde de prelación das persoas beneficiarias. Establécese como gasto mínimo subvencionable unha contía de 1.000 euros, dos cales a entidade beneficiaria deberá achegar 200 euros. Cómpre salientar tamén que se reserva un 30% do orzamento total de cada convocatoria anual de subvención ás federacións deportivas galegas. Non obstante, o importe total da axuda que se concederá non poderá superar a cantidade máxima de 5.000 euros por club e por sociedade anónima deportiva, nin os 10.000 euros por federación deportiva.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Outras liñas de colaboración

Ademais dos convenios coas federacións galegas e deste liña de axudas para a adquisición de equipamentos deportivos, a Xunta de Galicia prepara a convocatoria a clubs e entidades que contará cunha liña para gastos de desenvolvemento da actividade deportiva ordinaria cun importe de 1,9 millóns de euros e unha liña de actuación para gastos orixinados pola pandemia cun orzamento de 2 millóns de euros. Para este 2021, o orzamento global da Secretaría Xeral para o Deporte medra nun 28,5% ao pasar dos 25.257.216 euros en 2020 aos 32.474.216 euros.