Nova
26/12/2020
Institucionais

Ata vinte federacións deportivas galegas presentarán en 2021 informe de auditoría das súas contas anuais

  • O plan de auditorías 2021-2024 segue o seu curso habitual e desta volta á a quenda de actividades subacuáticas, aeronáutica, atletismo, automobilismo, bádminton, baloncesto, balonmán, ciclismo, esquí náutico, fútbol, judo, loita, montañismo, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tenis, tríatlon e vela

Santiago, 26 de decembro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado mércores 23 de decembro, a resolución do 15 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se determinan as federacións deportivas que teñen que presentar informe de auditoría das contas anuais de 2020.

Deste xeito, o plan de auditorías 2021-2024 segue o seu curso habitual e neste ano 2021 será a quenda de 20 federacións deportivas galegas: actividades subacuáticas, aeronáutica, atletismo, automobilismo, bádminton, baloncesto, balonmán, ciclismo, esquí náutico, fútbol, judo, loita, montañismo, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tenis, tríatlon e vela. O prazo de presentación das contas anuais auditadas ten como data límite o 30 de xullo de 2021.

Deste xeito, a Xunta de Galicia cumpre coa súa competencia de realizar auditorías externas ás federacións deportivas galegas. Segundo a Lei do Deporte e o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, estas deberán presentar no Rexistro “un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicio de cada exercicio. Anualmente, incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe”.

A memoria das das contas anuais das federacións deberá conter información relativa á actividade da entidade, ás bases de presentación e a información da liquidación do orzamento, ao excedente do exercicio, aos ingresos e gastos, á aplicación de elementos patrimoniais a fins propios, aos cambios no órgano de goberno, dirección e representación, á información sobre autorizacións outorgadas pola autoridade administrativa correspondente que sexan necesarias para determinadas actuacións, así como a calquera outra información que sexa significativa.